FERROL360 | Venres 7 novembro 2014 | 14:27
A Casa da Cultura de Neda acolle este venres a representación teatral O gordo e o calvo van ao médico, a cargo da compañía Os 7 magníficos+1. A función dará comezo ás 20:30 horas, con entradas a dous euros.
Trátase dun espectáculo clown de creación propia dirixido por Iván Prado e protagonizado por Pedro Brandariz e Fran Rei. É a sétima produción da compañía e nace a raíz do éxito das personaxes protagonistas do seu espectáculo máis popular, O gordo e o calvo, con máis de 50 funcións por toda a Península dende a súa creación en 2003.
Seguindo a liña do anterior, neste divertido espectáculo recupéranse e actualizan algunhas vellas farsas dos paiasos do circo, misturándose con situacións cómicas de creación propia. O humor máis clásico fusiónase coa creatividade e actitude de risco características desta compañía para compoñer unha obra cómica en torno ao mundo dos médicos.
A proposta forma parte do ciclo Tempo para o Teatro que promove a Deputación Provincial da Coruña.
Debate sobre el post