FERROL360 | Luns 25 maio 2015 | 20:11
O equipo de Terra Galega Narón indica nun comunicado que reunirase previsiblemente esta mesma semana para valorar a posibilidade de reeditar pactos postelectorais debido aos «bos resultados do goberno de coalición dos últimos catro anos no municipio», segundo o cabeza de lista de TEGA, José Manuel Blanco.
Cabe lembrar que TEGA gobernou no mandato que agora remata con PSOE, BNG e Converxencia Galega. En principio, a Blanco chegaríalle pactar cun dos dous primeiros, xa que tanto socialistas como nacionalistas acadaron dous concelleiros e TEGA dez.
Mentres, Converxencia Galega non contará con representación no Concello xa que non foi quen de manter o concelleiro que tiña. TEGA tamén podería pactar con Esquerda Unida, Eliximos Narón Electores. Unha coalición co PP, como no mandato de 2007-2011, non parece probable.
Desde o BNG xa avanzaron que polo momento non adiantarán nada sobre posibles pactos porque «non se trata dunha decisón persoal», afirmou Pablo Villamar, quen engadiu que «o BNG é unha organización democrática que terá que valorar esa posibilidade» unha vez que haxa unha oferta por parte de TEGA.
Pola súa banda, o PSdeG-PSOE de Narón levará a cabo este mércores unha reunión da executiva do partido na que analizarán os resultados electorais e porán data para celebrar unha asemblea para saber que opina a militancia sobre a posibilidade de pactos. Precisamente, en función da opinión da militancia «quedaremos pendentes das posibles charlas e negociacións», afirmou Catalina García.
Debate sobre el post