MARTA CORRAL | Mércores 7 agosto 2013 | 15:10
Dun tempo a esta parte, comezan a profilerar todo tipo de feiras de artesanía pola nosa comarca, ben sexa porque “a necesidade agudiza o enxeño” ou porque a creatividade está a florecer máis ca nunca.
Os veciños de Cabanas souberon canalizar estes dous factores no seu Rastrillo Veciñal. Logo dunha exitosa edición o ano pasado, volven á rúa este domingo día 11 con roupa de segunda man, artesanía, productos “da casa” ou da horta, gastronomía caseira, mobles e calquera cousa que se poida vender ou trocar.
Este II Rastrillo Veciñal está organizado polos veciños coa colaboración do Concello de Cabanas e busca “que aquelas persoas interesadas en participar poidan ter unha forma de gañar uns ingresos extra e favorecer e facilitar un espazo onde os veciños poidan atopar produtos que non son habituais nos mercados máis tradicionais”.
A cita deste vindeiro domingo terá lugar dende as 09:00 ata as 21:00 horas no paseo da praia da Madalena e está enfocado a todas aquelas persoas, asociacións ou sociedades que non se adiquen á venda profesional.
Para poder participar cómpre incribirse con antelación no enderezo electrónico rastrillocabanas@hotmail.es, no teléfono 696456477 ou na cafetería Yellow no mesmo paseo da praia.
Debate sobre el post