FERROL360 | Venres 6 febreiro 2015 | 15:59
O vindeiro luns 9 de febreiro remata o prazo para inscribirse no desfile e festival de comparsas do Entroido 2015 que organiza o Concello de Fene. Este ano a administración local repartirá 4.500 euros entre as comparsas que participen nestes actos.
Para anotarse e optar ás subvencións, deben presentar a documentación requerida no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres entre as 08:30 e as 14:00 horas e os sábados en horario de 09:30 a 13:30 horas. Amais, deberán entregar copias das cancións no departamento municipal de Cultura. Ata o momento, hai oito formacións anotadas.
Así, o xoves día 12 celebrarase unha xuntanza entre todas as comparsas para abordar temas relacionados coas actividades previstas. Será ás 20:00 horas na aula de xuntas do departamento municipal de Cultura e Deportes (avenida Naturais, 44).
O desfile e festival de comparsas celebrarase o mércores 18 de febreiro, festivo local. A rúa Cádavo será o punto de encontro das comparsas participantes, que partirán en desfile polas principais vías do municipio para amenizar a festa coas súas letras, ironía e disfraces. O seu destino será a praza do Concello, onde se celebrará o festival cun gran baile coa orquestra Aché.
Debate sobre el post