FERROL360 | Mércores 9 setembro 2015 | 11:32
O vindeiro 15 de setembro pecha o prazo de presentación de orixinais para o concurso de humor gráfico «Curuxa do Humor 2015» que organiza o Museo do Humor do Concello de Fene. O certame contempla dúas categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos e Curuxa Nova, para artistas de ata 25 anos.
Dende a Concellería de Cultura de Fene anímase aos debuxantes a participar neste certame que ten como finalidade premiar aos mellores humoristas gráficos do momento e no que se repartirán ata 5.000 euros en premios.
Segundo se establece nas bases, os participantes poderán presentar un só debuxo, de temática libre e en calquera das modalidade do humor gráfico: mudo, texto ilustrado (en lingua galega), viñeta, etc. En calquera caso, deberán ser debuxos orixinais, de creación propia e inéditos, non admitíndose fotocopias, copias dixitais ou grabados. Ademais, deberán estar feitos en cartolina e en formato A3.
Os traballos a concurso poderán presentarse ata as 14.00 horas do martes 15 de setembro de 2015 no Rexistro Xeral do Concello de Fene (Avda. do Concello, s/n, 15500 Fene, A Coruña). Os debuxos enviaranse en paquete/sobre/tubo sen remite e facendo constar no exterior «Para o concurso do humor gráfico Curuxa 2015», e a categoría na que concursa.
No interior, a obra presentarase baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto cun sobre independente, pechado, e en cuxo exterior conste: Concurxo de humor gráfico «Curuxa do humor 2015», a categoría na que concursa, o título da obra e un lema ou pseudónimo da persoa que sexa a súa autora.
Na plica, incluirase unha copia do DNI, enderezo, teléfonos de contacto, correo electrónico, breve currículo, declaración responsable expresa de que a obra é da súa autoría, inédita e orixinal. Asimesmo, neste mesmo sobre terán que achegar certificado de titularidade da conta na que, de recibir algún dos premios regulados nas bases, se fará efectivo o pagamento.
No caso que haxa algún concursante menor de 18 anos, deberá achegar copia do DNI do pai/nai ou titor/a legal así como a súa autorización escrita para participar no concurso.
Os premios que o Concello de Fene contempla para esta XVIII edición do concurso son os seguintes: na categoría Curuxa un primeiro premio, dotado con 2.000 euros e diploma e segundo premio, dotado con 1.500 euros e diploma. Na categoría Curuxa-Nova un primeiro premio, dotado con 1.000 euros e diploma e un segundo premio, dotado con 500 euros e diploma.
O xurado do premio, nomeado polo Concello de Fene, estará presidido polo alcalde de Fene, formando parte do mesmo a concelleira de Cultura e tres humoristas ou expertos en humor gráfico nomeados polo Concello de Fene. O fallo do xurado terá lugar no último trimestre de 2015.
Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección no Museo do Humor. Para máis información, pódense consultar as bases do concurso aquí.