FERROL360 | Luns 25 abril 2016 | 13:47
Conta atrás para pechar o prazo de inscrición no I Concurso de Carteis para a Festa dos Maios de Canido, que convoca o Concello de Ferrol. Un certame que ten por obxecto difundir e promover esta tradicional festividade, que terá lugar os días 6, 7 e 8 de maio. O prazo finaliza este martes ás 14:00 horas.
Aberto a todos os públicos, terá dúas categorías: unha para menores de 18 anos e outra para maiores de idade, con premios de 100 e de 150 euros, respectivamente.
Segundo as normas fixadas polo departamento de Festas, os traballos deberán realizarse en papel ou lenzo, en tamaño mínimo A3. O material e a técnica utilizada serán libres dentro dos límites usuais para permitir unha normal reprodución fotomecánica e deberán incluír un lema relativo á Festa dos Maios, escrito en galego. As obras terán que ser orixinais e non ter sido presentados en anteriores concursos.
Os carteis non poden ir asinados polo autor ou autora, que limitará a súa identificación a un lema que estará escrito ó dorso do cartel. Irá acompañado dun sobre lacrado que porá, no seu exterior, o mesmo lema que o cartel e, no seu interior, introducirase unha nota escrita cos datos persoais (nome, apelidos, enderezo completo, un número de teléfono de contacto e fotocopia do NIF ou CIF).
Os participantes deberán entregar os seus carteis no Rexistro municipal entre as 9:00 e as 14:00 horas. Máis información na web do Concello de Ferrol ou no taboleiro de anuncios.
Debate sobre el post