FERROL360 | Venres 26 xuño 2015 | 15:24
O proxecto de investigación Deferred Restructuring of Experience in Autonomous Machines, DREAM, coordinado polo investigador Richard Duro, do Grupo Integrado de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior da UDC, vén de recibir unha subvención europea dentro do programa de Ciencia Excelente.
A UDC aparece como universidade destacada na convocatoria de investigación europea do programa H2020, na área de Ciencia Excelente, sendo unha das mellores no apartado de Tecnoloxías futuras e emerxentes, xunto coa Universidade Pompeu Fabra e o Instituto de Ciencias Fotónicas.
Trátase dun proxecto interuniversitario e internacional liderado pola Université Pierre et Marie Curie de Francia. Conta con cinco socios e un financiamento acadado de 2,7 millóns de euros, dos que 539.998 euros son para desenvolver a investigación na Universidade da Coruña ao longo dos vindeiros catro anos.
DREAM investiga unha nova xeración de robots que permitirá construír máquinas que realicen algo máis que tarefas repetitivas ao permitirlles un desenvolvemento incremental e non predefinido ao longo de meses ou anos. A aproximación incorpora procesos de soño no marco dunha arquitectura cognitiva, o que permite que os robots consoliden as súas experiencias e melloren as súas habilidades de aprendizaxe e adaptación.
