
FERROL360 | Venres 28 abril 2017 | 13:48
Viveiros de planta e árbores, florerías, produtores de horta, alimentación e artesanía relacionada co mundo vexetal son os expositores que atoparemos este domingo na XXII Feira da Plantación de San Sadurniño. Unha cita na que participarán 46 postos e que busca servir de escaparate para as empresas e persoas vinculadas ao agro.
Desde o Concello de San Sadurniño salientan tamén que esta feira pon en valor as posibilidades de futuro do medio rural como sinónimo de calidade de vida e de oportunidades económicas a través da sustentabilidade.
A carpa na que se instalarán os expositores de flor e planta abrirá ás 10:00 horas e a programación non finalizará ata as 19:00 horas. Os expositores de artesanía e alimentación estarán na rúa paralela ao colexio público e no prado que hai ao seu carón.
Ademais destes postos tamén se instalarán un da agrupación Con Suma Conciencia, con información sobre as súas actividades e sobre o grupo de consumo que teñen en funcionamento, outro de SOGAMA e outro do Concello para promocionar a recollida do lixo porta por porta, dar información turística e acoller as actividades para a rapazada.
Programación
Durante a xornada haberá dous obradoiros de decoración de macetas, con horarios de 12:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 18:30 horas. Hai 12 prazas dispoñibles por cada quenda e os peques que desexen participar non deben inscribirse previame, só achegarse ata o lugar dos obradoiros, Iso si, deben estar acompañados por algunha persoa maior.
Como xa é tradición nesta feira, as persoas que asistan recibirán unha planta de recordo doada pola empresa local Vivergal, que colabora habitualmente co evento. Ademais, por cada compra entregaranse papeletas para participar nos sorteos de varios lotes de produtos. O primeiro dos sorteos será sobre as 14:00 horas e o segundo ás 19:00 horas.
Debate sobre el post