
FERROL360 | Martes 17 maio 2016 | 10:47
Cinco artistas formaron o xurado da segunda fase do concurso «Quero Cantar», un certame musical infantil convocado pola Deputación da Coruña. Uxía, Ugia Pedreira, Lydia Botana, Alba María e Tomi López, do grupo Mamá Cabra, seleccionaron un total de dez cancións, entre as que figura unha dun grupo ferrolán.
A responsable do departamento provincial de Cultura, Goretti Sanmartín, estivo presente, aínda que sen voto, na xuntanza. Valoraron os intervintes os 17 temas admitidos na primeira fase antes de seleccionar un total de dez en base a criterios como a calidade musical e literaria das cancións ou a súa idoneidade para o público infantil.
Figuran na listaxe temas de grupos de Outes, A Coruña, Porto do Son, Cee, Laxe, Oroso, Culleredo e Ferrol; neste último caso, trátase da canción «Imos ver», do grupo Canta con nós. Os citados acceden xa ao primeiro dos premios do concurso, como é a gravación en estudio e posterior edición conxunta dun disco a repartir por colexios de toda Galicia.
O vindeiro luns, 23 de maio, comezará a nova fase cunha votación aberta ao público no Facebook de «Quero Cantar». Así se poderán escoller as cinco cancións que participarán na gala final do mes de xuño no Teatro Colón da Coruña. Alí estará un xurado formado por cinco nenos de Primaria e os finalistas terán que interpretar en directo as súas cancións.
O gañador terá videoclip de seu e 300 euros para adquirir material musical. As cancións seleccionadas e o resto das aspirantes están a disposición do público en querocantar.gal, a web do proxecto.