FERROL360 | Domingo 25 outubro 2015 | 13:04
Semente Trasancos, o centro educativo en galego situado na antiga escola de San Mateo (Narón), festexa este domingo seu primeiro mes de actividade cunha festa para os pequenos e as súas familias. Con ela, queren dar as grazas ás persoas que coa súa achega fixeron posible o proxecto e fortalecer deste xeito a súa «rede social».
Será a partires das 17:00 horas na súa sé, onde haberá contacontos, chocolatada con doces, xogos en familia e moitas sorpresas. Queren convidar tanto aos socios coma ás persoas que aínda non coñecen a entidade, mais comparten a inquedanza que move o centro: unha educación en galego e respectuosa coas necesidades das nenas e nenos.
Ademais, animan aos participantes a levar unha saca de area para axudarlles a construír un areeiro e que os nenos e nenas podan brincar e xogar no exterior.
Ensino alternativo en galego
Semente Trasancos compón, xunto aos centros Semente de Vigo e Compostela, unha rede de Escolas de Ensino Galego nas que todas as actividades serán desenvolvidas en galego favorecendo a conservación, coidado e consolidación da lingua, entendendo o idioma como parte indisolúbel da «nossa cultura e identidade, da nossa história e, especialmente, do nosso futuro».
Están dirixidas aos pequenos dende os dous aos seis anos, idades nas que non é de obriga ter escolarizado aos cativos, ofrecendo unha programación de mañá e tarde cun amplo abano de xogos libres e actividades. Dende lóxica-matemática ate música, reciclaxe, horta ou lectura, iso si, respectando os ritmos de cada neno e permitindo que descansen cando fose preciso.
Testemuña das Irmandades da Fala
As escolas Semente son unha iniciativa social e sen ánimo de lucro, impulsada dende o inicio pola Gentalha do Pichel que pretende conformar, xunto con outros proxectos semellantes, as bases para a creación dunha Escola Nacional Galega.
Toman o seu nome das Escolas de Ensino Galego creadas a comezo do século XX polas Irmandades da Fala e impulsadas por Leandro Carré e Ángelo Casal.
Para obter máis información pódese contactar coa escola no seu Facebook ou no seu blogue.
Debate sobre el post