FERROL360 | Luns 25 xullo 2022 | 11:42
O Concello das Pontes inaugurou a exposición arqueolóxica Man a Man, un percorrido pola prehistoria e a antigüidade do municipio a través dos obxectos elaborados a man polos homes e mulleres que habitaron a zona. A mostra atópase no primeiro andar do mercado municipal.
A exposición divídese en catro grandes bloques temáticos e inicia a súa andaina nas medoñas do Neolítico, hai aproximadamente oito mil anos. Nese momento comezaron a crearse poboados estables debido ao desenvolvemento da agricultura e da gandaría.
A exposición vai avanzando para chegar ao Calcolítico, período que marcou o inicio da arquitectura monumental. Desta etapa hai obxectos relacionados con sepulturas prehistóricas, entre as que destacan as tumbas asociadas ao fenómeno campaniforme.
A continuación, a exposición adéntrase na Idade do Metais, período que da lugar á cultura galaica. Nas vitrinas desta etapa podemos atopar restos de cerámica para uso na cociña, un fuso para a fía da lá ou un muíño circular.
A última parada achegará ás persoas visitantes aos vestixios deixados polas persoas que viviron na confluencia dos ríos Eume e Chamoselo a finais do Imperio Romano, hai máis de mil seiscentos anos. Exhíbense tellas que cubrían edificacións e restos de cerámica de mesa ou os restos dunha ánfora.
Pezas
As pezas expostas proceden da colección do Concello froito das escavacións e prospeccións arqueolóxicas que tiveron lugar no espazo que ocupou a explotación mineira del lignito. Inclúense pezas atopadas nas medoñas das parroquias da Vilabella, Santa María das Pontes, Seoane e o castro galaico de Espiñaredo.
Completan a exposición pezas cedidas pola Universidade de Santiago de Compostela, obxectos pertencentes ás primeiras escavacións realizadas nas Pontes e pezas cedidas polo Museo Arqueolóxico de San Antón, correspondentes ás escavacións das medoñas da Mourela e do xacemento da época romana do Chamoselo, así como pezas cedidas, de forma desinteresadas, por particulares.
A mostra, elaborada por Cultureume, conta coas ilustracións de Laura Decibreiro nas que recrea escenas cotiás das diversas épocas da historia das Pontes. A exposición estará aberta ata o 15 de outubro e é preciso concertar cita previa no número 673240434 ou a través do correo electrónico: turismo@aspontes.org.
A concelleira de Turismo, Elena López, explica que «nesta exposición, destinadas a todos os públicos, amósanse obxectos arqueolóxicos de diferentes períodos históricos da nosa vila, agrupados cronoloxicamente e acompañados por carteis que permitirán coñecer o pasado das Pontes dun xeito ameno e didáctico».