FERROL360 | Venres 22 abril 2016 | 16:57
Teño unha horta en San Sadurniño é o título dunha webserie que acaba de ser seleccionada para competir na sección oficial do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, dentro do apartado Galiza_VO.
Este proxecto audiovisual protagonizado por varias mulleres xorde coa intención de difundir e amosar as distintas formas de traballo no campo. Elas son as encargadas de ensinar a calquera usuario da Internet a maneira en que cultivan as súas hortas.
Gravada con móbiles e publicada periodicamente a través da propia canle de YouTube, Teño unha horta en San Sadurniño naceu no seo da aula CeMIT e dáse a coñecer tamén na páxina web Fálame de San Sadurniño.
A idea combina a sabedoría das persoas maiores coa axuda técnica durante a gravación doutras mulleres máis novas, de xeito que a horta é tamén un punto de intercambio interxeracional de coñecemento.
A iniciativa viaxará a Carballo para participar na terceira edición do festival que se celebrará os vindeiros 5, 6 e 7 de maio.