FERROL360 | Mércores 23 outubro 2019 | 9:52
Uns 700 escolares de dez centros educativos públicos e concertados de Narón participaron este martes nunha andaina por un tramo do Camiño Inglés dentro do programa municipal Escolas no Camiño, subvencionado pola Axencia de Turismo de Galicia e incluído nos proxectos de dinamización Xacobeo 2021.
A andaina partiu das inmediacións do mosteiro de San Martiño de Xuvia, na parroquia naronesa do Couto, e pasou polo muíño das Aceñas ata chegar ao paseo marítimo de Xuvia. Estudantes de segundo Ciclo de Turismo do CIFP Rodolfo Ucha fixeron de guías turísticos ofreceno información aos rapaces sobre os elementos singulares que ían atopando polo percorrido.
Ao remate da camiñata, o alumnado recibiu un avituallamento e desfrutou dun concerto de música tradicional galega. Paralelamente, se grabou un video con drons protagonizado polos rapaces e rapazas, que se empregará a modo promocional e divulgativo do Camiño Inglés ao seu paso por Narón.
O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, e as concelleiras de Turismo e Ensino, Natalia Hermida e Mercedes Taibo, respectivamente, asistiron á iniciativa e salientaron que «os rapaces e rapazas de Narón implicáronse nunha serie de obradoiros que se impartiron nas aulas dos centros educativos e a través dos que coñeceron máis polo miúdo a historia da peregrinación e as rutas milenarias en Galicia, a presencia do Camiño a Santiago en Narón e comarca e tamén fitos e puntos singulares do Camiño Inglés ao seu paso pola cidade».
A concelleira de Turismo valorou o traballo realizado polo alumnado da cidade e agradeceu a colaboración prestada tanto por parte do historiador municipal como polo alumnado de prácticas do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas do CIFP Rodolfo Ucha.
Así mesmo, Natalia Hermida destacou o éxito de acollida deste programa nos centros educativos da cidade e a importancia de «poder levar a cabo este tipo de actividades a través das que dar a coñecer o noso patrimonio e, en particular, o localizado nas inmediacións do tramo Camiño Inglés a Compostela, unha ruta de peregrinación pola que pasan cada ano milleiros de peregrinos e peregrinas».
Debate sobre el post