FERROL360 | Martes 1 de julio de 2025 | 12:20
O Concello de Valdoviño activa este martes, 1 de xullo, o servizo de salvamento e socorrismo nas praias da Frouxeira, Pantín, O Río e O Baleo, con 19 socorristas vixiando a seguridade dos bañistas. A cifra mellora a da tempada pasada, aínda que non alcanza o obxectivo municipal de contar con 33 profesionais. Por iso, o proceso de contratación continuará aberto a través do INEM, segundo a fórmula establecida pola Xunta de Galicia para acceder ás axudas autonómicas. A previsión é investir algo máis de 137.000 euros nesta campaña.
O servizo funcionará todos os días de 12:00 a 20:00 horas ata o 31 de agosto, agás na Frouxeira, onde se prolongará ata o 7 de setembro por ser o areal máis concorrido do municipio. O alcalde, Alberto González, non descarta recorrer a outras vías, como a contratación directa, se non se completan as prazas mediante o procedemento actual.
Apertura da piscina municipal de Lago
Por outra banda, este luns 30 de xuño reabriu tamén a piscina municipal de Lago, tras os traballos de posta a punto realizados nos últimos días. As instalacións acollerán en horario de mañá os cursos e actividades de OcioSol 2025, mentres que polas tardes estarán abertas ao baño libre: de luns a venres, de 16:00 a 20:00 horas, e os fins de semana e festivos, de 12:00 a 20:00 horas.
Os prezos mantéñense respecto a anos anteriores: 2,5 euros para adultos e 1,5 para menores. Tamén continúa dispoñible o bono familiar de 20 euros para 15 baños, que permite o acceso a toda a unidade familiar. Para adquirilo, cómpre acudir á oficina da piscina e presentar o Libro de Familia.