FERROL360 | Xoves 16 xullo 2015 | 19:11
O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, xa é o novo presidente da Deputación da Coruña. Este xoves celebrouse o pleno de constitución da nova Corporación no que o socialista obtivo o apoio do BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños.
No seu discurso de investidura, González Formoso dixo que aposta por «facer das deputacións administracións modernas e eficientes, transparentes e resolutivas e, sobre todo, útiles aos cidadáns». Neste senso, engadiu que a Deputación debe entenderse como «os propios concellos traballando xuntos, colaborando solidariamente».
Para elo, propón aplicar novas fórmulas para «mellorar a colaboración e cooperación intermunicipal» coa creación dunha Mesa de Diálogo cos concellos. Nela se recollerán as propostas e suxestións con respecto á planificación dos diferentes plans de investimento e se intercambiarán experencias de xestión municipal dos diferentes concellos.
Os obxectivos deste mandato serán seguir cooperando con todos os concellos, atendendo especialmente a aqueles con menor capacidade económica ou de xestión. Así como promover e coordinar novos programas que favorezan a colaboración e o traballo en rede para aproveitar as sinerxias comarcais en servizos sociais, cultura e accións de promoción económica.

