MARTA CORRAL | A Capela | Luns 19 agosto 2013 | 12:45
De cando en vez, cómpre sacar un boleto de ida e volta na máquina do tempo. Deste xeito, será doado imaxinar como vivían os nosos ancestros ou adiviñar como vai ser o mundo no século XXV.
Estes últimos anos, a nosa viaxe máis recurrente é cara a Idade Media. Cada verán, e agora tamén no inverno, un feixe de persoaxes medievais -moitos deles de dudosa procedencia-, toman as rúas das nosas vilas cos seus traxes de cores, os seus productos, a súa música e os seus manxares. Captando a nosa atención, como os xitanos de Macondo; pero ao revés.
Ben, eu vos propoño que hoxe, vaiamos todos un pouco máis preto. Quedemos nos anos corenta, na época dos nosos maiores; e fiquemos na comarca, por exemplo, no lugar de O Pazo, concello de A Capela.

Logo duns estoupidos no DeLorean, xa vemos ao carón da igrexa os postos da feira. Hai cesteiros, artesáns do coiro, pintores, tecelás, fiadeiras… acheguémonos para ver ao torneiro. Ollade!, velaí ven o afiador.
Mulleres en saia e mantelo, con pano na cabeza e cesta na man; homes con boina, chaleque e camisa a raias. Zocas.
Música de gaita e pandeireta, con carga de bombo e tamboril. Cantareiras. Un home orquestra anima a festa.
Nenos xogando no adro da igrexa cos tirapedras, cos aros, coas escopetas e a chave.
Chourizo de avestruz e touro, pan de Neda, empanada e bola, marmeladas, queixos, fariña e mel.
Cheirades iso? Hai un churrasco agardando por nós. Tamén hai pulpo e viño e café de pota, e panciño para mollar no preve.
Qué ben se está cando se está ben! Botemos unha soneca antes de ir á malla.
De volta
Pois ben, non saíu moi caro o boleto. Máis dun millar de persoas tivemos a oportunidade de facer esta marabillosa viaxe onte, na segunda edición de ETNOeume, a Feira Etnográfica da Comarca do Eume.
Organizada polo Museo Etnográfico de A Capela co fin de divulgar os seus fondos, por en valor as tradicións e a cultura popular e promocionar os productos da comarca; ETNOeume cumplíu os tres obxectivos.
O director do museo, Secundino García -que iniciou a labor de recolla etnográfica fai trinta anos cando era mestre do colexio-, confesaba que non foi doado organizar a feira e máis do xeito altruísta que o fan eles: «manexamos presuposto cero, nos damos cun canto nos dentes se á noite non hai débedas. A nós o que nos interesa é promocionar o museo, que a xente da comarca saiba que estamos aquí e que veña a visitalo».
Os fondos do Museo Etnográfico de A Capela comezaronse a recoller nos anos oitenta no colexio Mosteiro de Caaveiro. Eran os propios alumnos os que rebuscaban na casa e o levaban ás aulas «o mérito deste museo é que foi feito por nenos, tí entras aí e calquera familia da Capela, pódeche dicir ‘isto é da miña casa’» sinalaba Secundino García cunha ollada de orgullo polo traballo ben feito.
Setenta postos de artesanía tradicional e moderna, productos gastronómicos da comarca, antigüidades e obxectos de segunda man, xogos tradicionais para os máis pequenos -aínda que os maiores non puideron resistir a tentación de xogar tamén-, recreación de oficios tradicionais, música e visitas constantes ao museo; fixeron que este ano a participación fóra mellor cá do ano pasado.
A todo o anterior, hai que sumarlle a VI Edición do Premio de Investigación Ferro Caaveiro que este ano recaeu na obra Unha ferrería hidráulica no século das Luces: o mazo ou machuco de Cabalar no Concello da Capela, de José Manuel Yáñez Rodríguez que repite premio xa que tamén foi o gañador do ano pasado.
O segundo premio foi para As parroquias de San Boulo, Cabalar e A Capela a través do Catastro de Ensenada, de Ángel Corbeira e Adrián Meizoso.
O terceiro premio outorgouse a As escolas de ferrado, de Noelia Tojeiro e María Abella.
O primeiro premio ten unha dotación de 500 euros, o segundo de 300 euros e o terceiro de 200 euros. Todos eles, publicaranse na revista O Retorno, que sae á luz en outubro nas Xornadas Museísticas.
Alí tamén estará exposto outro traballo que aínda que non puido ser premiado, a asociación decidíu publicalo, a súa temática xira en torno a figura dun capelán galego que morreu no campo de concentración de Mauthausen.

Xa sabedes, o ano que vén, tendes un bo plan. Paga a pena viaxar no tempo. Aínda que non esquenzades, que durante todo o ano, o museo está aberto, para todos os que queirades lembrar ou descubrir un anaco da nosa historia.
Debate sobre el post