ALICIA SEOANE | Mércores 12 de marzo de 2025 | 13:05
«Vidas Asomadas» é o título da nova performance creada por Maquinarias Teatro. Unha proposta de Helga Méndez e Eugenia Sanmartín que fala sobre as mulleres que pisaron as pedras do Antigo Hospital de Caridade.
Ambas as actrices poñen en escena a unha Ama de cría, unha Señora da Congregación de Irmás do Hospital, unha Mestra e unha Muller de mal vivir, quen se asoman ás ventás do patio para abrirnos de par en par as súas vidas.
A performance é unha mestura de texto e movemento, explica Eugenia: «unha fai a parte textual dunha muller, mentres a outra pon o corpo en escena. A escenografía é unha forma circular con sabas brancas, e nós tamén imos vestidas da mesma cor. Os roles de corpo e voz imos intercambiándoos».
Atravesando esta escenografía de sabas brancas, voz, movemento, imaxe e espazos sonoros, Eugenia Sanmartín e Helga Méndez camiñarán da man destas catro mulleres.
O proceso de creación da performance está baseado nun traballo de documentación que ambas fixeron, coa bibliografía e documentos do Antigo Hospital. Desta forma, engade Helga Méndez, «collemos información de como eran as vidas destas mulleres, e pouco a pouco fomos recollendo a información máis dura e transformándoa nun contido cunha poética teatral».
Neste proceso documental, ambas agradecen «o importante traballo da historiadora Esperanza Piñeiro, e Julia Díaz xornalista e presidenta do clube de prensa de Ferrol, que entre as dúas nos asesoraron con documentación e bibliografía».
A performance será posta en escena hoxe ás 20:00 h, dentro da programación do Concello de Ferrol do 8M, no patio do Centro Cultural Torrente Ballester.
Debate sobre el post