Publicidad

Xabier Díaz aterriza en Sedes para presentar o seu «Cancioneiro Galego Serodio»

A presentación será este domingo 8 de xuño, no Centro Cívico Social de Sedes

FERROL360 | Martes 3 de junio de 2025 | 11:10
Xabier Díaz, recoñecido cantor e investigador do patrimonio oral galego, presentará este domingo 8 de xuño, no Centro Cívico Social de Sedes, o seu novo proxecto: Cancioneiro Galego Serodio. A actividade, organizada pola Asociación Cultural Vai Rañala Meu!, comezará ás 13:00 horas e será de acceso libre e gratuíto, sen necesidade de inscrición previa.

O Cancioneiro Galego Serodio

A escolma é dun valioso patrimonio oral galego recompilado por Xabier Díaz ao longo de máis de catro décadas de traballo de campo, a través de máis de 500 entrevistas realizadas por todo o territorio, incluídos tamén os espazos arraianos. A obra recolle cantares, músicas e relatos que forman parte da tradición viva e que, grazas a este proxecto, son recuperados e postos en valor.

«Este traballo nace da curiosidade dun mozo de vinte anos que comezou a investigar como amador e apaixonado polo noso folclore, unha paixón que segue vixente hoxe en día», sinala Xabier, quen destaca tamén a importancia de preservar e divulgar esta herdanza cultural que aínda pervive nos nosos días.

Desde a organización, a Asociación Vai Rañala Meu! anima á veciñanza a participar nesta actividade, que supón unha oportunidade única para coñecer de preto unha parte do noso patrimonio inmaterial.

O evento conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña, reforzando o seu compromiso institucional co apoio á cultura tradicional galega.