FERROL360 | Mércores 6 abril 2016 | 16:53
O local social da AVV de Sedes acollerá este xoves unha xuntanza de traballo en defensa da escola rural en Narón. A cita será ás 11:30 horas e contará coa participación do edil de EU Narón, André Abeledo, os parlamentarios de AGE Ramon Vázquez e Xabier Ron e o colectivo de veciños que presentou no Concello unha proposta neste edil.
Dende EU Narón defenden «a necesidade de manter abertas todas as escolas rurais» e sinalan que, no caso de Narón, as escolas de Sedes e Castro son as que teñen máis problemas co ratio de alumnos por aula e polo tanto as que teñen máis dificultades para manterse abertas.
Consideran desde o grupo que «é necesario desenvolver unha acción divulgativa para revalorizar a imaxe da escola rural» e para «combater a escasa matriculación». Para elo piden que se habiliten os medios necesarios para informar «das bonanzas do proxecto educativo dunha escola rural, non masificada, e nun contorno natural».
Asimesmo, esixen á Xunta de Galicia que poña en marcha un proxecto técnico para a creación dun programa experimental de creación de escola rural de educación infantil integrada de 0 a 6 anos co obxectivo de extrapolar a experiencia a outras zonas rurais.
«Os nenos do rural deben ter dereito a educarse no seu entorno, ademais parécenos indiscutible que baixar o numero de nenos por aula nas escolas vai a repercutir directamente na calidade do ensino», conclúen desde EU Narón.
Debate sobre el post