FERROL360 | Mércores 11 marzo 2015 | 19:02
A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda Yolanda Díaz critica que Ferrolterra non se atopa entre as prioridades da Xunta de Galicia. Nunha interpelación parlamentaria ao conselleiro de Industria, Díaz relatou os reiterados incumprimentos da Xunta coa comarca e denunciou que Feijóo non cumpriu «ningún dos once puntos» que prometeu en 2009 no plan Ferrol.
Comezando polo naval, pasando polo tren de alta velocidade e rematando co sector marisqueiro, a viceportavoz de AGE recriminou os brazos cruzados da Xunta ante a decadente situación que vive Ferrolterra. Neste senso, Díaz subliñou que o goberno galego continua sen executar os seus compromisos orzamentarios e sen construír o dique flotante.
Lembroulle Díaz a Conde que a pesar de comprometer o tren de alta velocidade no 2009 para Ferrol nunca chegou. Tampouco traballou o PP, dixo a viceportavoz de AGE, para acadar o recoñecemento de Ferrol como Patrimonio da Humanidade, nin na recuperación dos bancos marisqueiros e a depuración da ría.
«Pasaron os anos e hoxe pódolle dar o pésame, porque o plan Ferrol está morto», afirmou Díaz durante a súa intervención. Tamén pediu unha valoración a respecto da diversificación industrial e o emprego estable asociados ás axudas do plan Ferrol e preguntou se o goberno de Feijóo creará un instituto industrial galego. Segundo indican desde AGE, Conde non respondeu a estas preguntas e «limitouse a ler o que traía escrito».
Contratos Pemex
O conselleiro de Industria aproveitou a súa intervención para subliñar que Pemex está desenvolvendo os seus compromisos en Galicia e ten contribuído á recuperación do naval galego. Conde afirmou que hai unha tendencia clara de recuperación e destacou as oportunidades que presentan para o naval a industria petroleira. Tamén incidiu no proxecto de eólica mariña Wikinger.
Debate sobre el post