Publicidad

A programación das Letras Galegas de Ferrol: animación nas rúas, teatro ou recitais

FERROL360 | Xoves 16 de maio 2024 | 7:20

As actividades en conmemoración da escritora Luísa Villalta, premiada coas Letras Galegas 2024, comezarán  hoxe dende a Biblioteca municipal que levará aos centros escolares públicos da cidade a iniciativa E se o día das Letras Galegas recibiras unha visita inesperada?, unha acción cultural que nace este ano e pretende estenderse a máis centros na celebración do próximo ano.

Animacións onde a idiosincrasia de Ferrol, a Biblioteca municipal e tres escritores galegos -Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Luísa Villalta-, enredaranse nunha misión da que sairán airosos da man dos nenos e nenas.

Pola tarde, a Biblioteca acollerá ás 19:00 horas a presentación do libro Cinza, na que estará presente o seu autor, Manel Cráneo, e tamén o escritor Xavier Alcalá.

O venres día 17, ás 11:30 horas, poderemos asistir á actuación pola rúa do grupo de gaitas Agarimo e tamén o Pimeiro Certame de Cantos de Taberna, que se celebrará nas cafeterías do centro e no Cantón de Molíns, a partir das 12:30 horas e ata as 13:30 horas.

O día 19, ás 20:30 horas no Auditorio, terá lugar a gala musical das Letras Galegas, na que actuarán o Real Coro Toxos e Froles e Airiños de Fene. Ademais, vaise estrear unha obra de Juan Durán (Premio Reina Sofía, 2022), na que actuarán o barítono Gabriel Alonso e a soprano Patricia Rodríguez.

A escritora Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, estará o día 21 ás 19:00 horas no centro cultural Torrente Ballester para recitar poemas de Villalta e seus tamén.

O programa de actividades concluirá o día 23 cun recital musical e poético de Luísa Villalta a cargo do grupo galego Indóciles. A cita é no centro cultural Torrente Ballester ás 19:00 horas.