Publicidad

Un trisco de Tanxugueiras chega este domingo ao Jofre

FERROL360 | Sábado 26 febreiro 2022 | 21:14

A compañía de danza Fran Sieira, un dos bailaríns que acompañou ás Tanxugueiras no Benidorm Fest, chega este domingo as táboas do teatro Jofre co seu espectáculo DeMente, no que participa tamén unha das tres famosas cantareiras: Aida Tarrío.

Ademais de Aida e Fran, estarán Xisco Feijóo, Artur Puga, Adela Otero, André Adrio, Patricia Sánchez, Daniel Rodríguez e Martín Mondragón. A música da montaxe é obra de Cristian Silva e a escenografía e vestiario están deseñados por Carlos Alonso. A iluminación corre da conta de Fidel Vázquez e a bailarina e coreógrafa Carla Diego é a directora artística.

DeMente é unha obra de baile e música tradicional galega para o público adulto que ten unha duración de uns 60 minutos. Comeza ás 19:00 horas e, aínda que poucas, quedan algunhas entradas que poden mercarse na billeteira ou na páxina web do Concello desde 8 euros.