FERROL360 | Luns 17 maio 2021 | 14:11
Navantia e o Ministerio de Defensa están a realizar neste mes de maio a Revisión de Diseño Preliminar (Preliminary Design Review, PDR) do programa das fragatas F-110. A PDR é un fito relevante do programa e desde a compañía pública salientan que os grupos de traballo conformados do Ministerio están a dar resultados excelentes.
Froito dese traballo, indica Navantia, estase a dar solución a cuestións moi complexas e, en ocasións novas, que afectan a este proxecto. Cuestións que afectan a disciplinas como a ciberseguridade, sistema de servizos integrados, espazo multimisión e xemelgo dixital.
Desde Navantia sinalan que estes puntos farán da F-110 unha fragata dunhas capacidades novas e un gran valor engadido, que converterá ao estaleiro en referente mundial no deseño e fabricación deste tipo de buques.
A revisión culminará con dúas sesións técnicas que se celebrarán este mércores e xoves en modalidade mixta, presencial no estaleiro de Navantia Ferrol e telemática. Estas sesións estarán presididas polo xefe de Programa F-110 da Dirección General de Armamento y Material (DGAM), capitán de navío José Antonio Toro Fernández.
Finalmente, o venres terá lugar o panel executivo da PDR, presidido polo subdirector xeral de Programas da DGAM, xeneral de brigada León Antonio Machés Michavila e con participación de autoridades de Defensa e da Armada. A compañía pública salienta que con este calendario cúmprese o plan establecido pola empresa para esta proba.