FERROL360 | Martes 15 xuño 2021 | 9:22
O debuxante fenés Xaquín Marín é o gañador na categoría de persoas dos XII Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. A Agrupación Astronómica Ío logrou o galardón na categoría de entidades e Twitter en galego coa de iniciativas para xente nova. Os premios buscan recoñecer persoas e entidades que traballan na promoción do galego.
O xurado decidiu conceder as tres modalidades do premio por unanimidade, salientando a calidade e o traballo desenvolvido polas propostas gañadoras. Sobre Marín, o xurado valorou «o compromiso continuado no tempo. Polo alcance social do seu traballo. Por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residua».
En definitiva, valórase o seu labor «pola defensa da lingua implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra que segue viva e actual». O premio está dotado con 2.100 euros por categoría.
O Concello de Fene felicitou a Xaquín Marín pola consecución do premio. A candidatura do debuxante fenés e fundador do Museo do Humor de Fene foi presentada polas áreas de Museo e Normalización Lingüística, co apoio da concellería de Cultura e do goberno municipal de Fene.