Publicidad

Cogami imparte un curso de integración laboral en Ferrol para usuarios da comarca

FERROL360 | Martes 4 febreiro 2020 | 18:40

Proporcionar destrezas para ser competitivos no mercado laboral. Este é o obxectivo que persegue Cogami co curso AFD de Actividades Administrativas na Relación co Cliente que imparte en Ferrol.

Este curso está dirixido prioritariamente a persoas desempregadas e no que se están a formar 15 usuarios parados da comarca de Ferrol.

A formación, que está cofinanciada pola Xunta, consta de 818 horas lectivas, que se imparten ata o vindeiro día 15 de xullo en horario de 09:00 a 14:00 horas.

O curso está dividido en diferentes módulos, como técnicas de recepción e comunicación, operacións administrativas comerciais, gravación de datos ou xestión de arquivos, entre outras.

Ademais, os usuarios tamén terán tempo para practicar unha lingua estranxeira a nivel profesional ou ofimática e para ter prácticas profesionais non laborais e materias transversais de inserción laboral.

O curso iníciase con 15 persoas, 13 mulleres e 2 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33 % como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual e con idades comprendidas entre os 27 e os 51 anos. Proceden dos concellos de Ferrol, Narón e Ares.

A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos, como a limpeza, estiba, reparto, hostalería, comercio, costura ou artesanía.

Con esta iniciativa, Cogami proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo co fin de acadar un emprego.