Publicidad

Agasallar versos de Carvalho Calero: a única homenaxe que depende de nós

M. C. | Ferrol | Miércoles 23 de Nadal 2020 | 10:43

Remata o ano adicado a Carvalho Calero e soubo a pouco. A RAG confirmou este martes que Xela Arias será a homenaxeada no vindeiro 2021, polo que as reivindicacións de darlle ao ferrolán un novo día das Letras que permitise afondar na súa figura sen pandemia polo medio caeu en saco roto.

Semella, a todas luces, que as cousas non se tiveron feito ben. Non falo, faltaría máis, das entidades e persoas a título individual que puideron saberse recompensadas pola súa paciente teima dirixida a que se recoñecese a figura do intelectual de Ferrol Vello.

Falo dun Concello que non soubo estar á altura deste reto, máis complicado pola pandemia, si; pero ao mellor por isto máis necesario ca nunca. Ou non é a cultura ao final un salvavidas para todos nós? A RAG, non é novidade, pouco máis interese amosou do que tivo todos estes anos de negación dunha figura que lles resulta perigosa.

Por iso, con todo, a única homenaxe posíbel é a que está na nosa man: ler a Carvalho Calero, perdermos na Praza Vella cun dos seus libros namentres ulimos o sal e o sol de decembro quenta os ósos. A edición de Ferrol, a minha terra (versos ferroláns) de Edicións Embora é unha moi boa opción.

En formato caderno e coas ilustracións do tamén ferrolán Calros Silvar, estes versos poucos coñecidos do mestre supoñen un feixe de recordos que nos levan de viaxe non só polo Ferrol de Carvalho, senón tamén pola contorna. Está dispoñible nas librarías locais na web da editorial.