Publicidad

O BNG denuncia que o goberno de Rey Varela pretende limitar o uso dos espazos culturais da cidade

FERROL360 | Lunes 9 de marzo de 2026 | 10:18

O BNG de Ferrol acusou ao goberno municipal do PP de pretender limitar e censurar as actividades culturais e sociais que organiza o tecido asociativo da cidade a través dunha proposta de regulación do uso dos espazos culturais municipais que cualifican de «arbitraria».

Segundo explicaron desde a formación nacionalista, a iniciativa presentada polo executivo local introduciría restricións no acceso aos equipamentos culturais e permitiría a aplicación de taxas para a realización de eventos, o que, ao seu xuízo, supón un cambio significativo na forma na que tradicionalmente se empregaban estes espazos.

A concelleira do BNG, María López, advertiu de que a proposta «outorga, nun intento de implantar a censura previa, a decisión discrecional de autorizar a celebración de actividades nos espazos culturais da cidade».

A edil nacionalista sinala que a nova regulación tamén limitaría a cesión gratuíta destes espazos. «Limita a cesión gratuíta a tres días á semana, concretamente de martes a xoves», explicou, engadindo que tamén se restrinxiría o número de actividades sen custo para as entidades.

Entre os exemplos citados, López destacou a situación da Capela do Torrente Ballester, un dos espazos máis utilizados polo tecido cultural da cidade. «Só permitirá desenvolver unha actividade gratuíta ao ano en espazos amplamente utilizados como por exemplo a capela do Torrente Ballester», indicou.

Ademais, segundo o BNG, as asociacións que desexen organizar actos durante as fins de semana terían que facelo previo pago dunha taxa municipal. «Se algunha asociación quere desenvolver un acto unha fin de semana só poderá facelo previo pago dunha taxa municipal, aínda que o espazo non tivera programado nada», criticou a concelleira.

Para o Bloque, o feito de que o uso dos espazos non teña limitacións cando existe pagamento evidencia que non hai unha razón real para introducir esta normativa. «O feito de que se pagas pola utilización destes espazos non tes ningún límite para poder utilizalos, salvo que coincidan coa escasa axenda cultural municipal», apuntan.

A formación nacionalista considera que esta medida supón un retroceso no modelo de xestión cultural que caracterizou á cidade durante anos, no que o tecido asociativo de Ferrol podía facer uso dos espazos municipais con liberdade e responsabilidade.

Por iso, María López reclamou ao executivo local que retire a proposta. «Pedímoslle ao goberno municipal que renuncie a esta iniciativa, porque esta forma de proceder do goberno local de Rey Varela supón botar por terra unha forma de xestionar os espazos culturais aberta e participativa que permitía ás asociacións desenvolver a súa actividade», concluíu.