FERROL360 | Martes 20 febreiro 2018 | 10:50
As persoas amantes das carreiras populares teñen unha dobre cita nas Pontes o vindeio 18 de marzo coas probas de San Xosé e Corre por elas. A primeira delas chega este ano á súa XXVIII edición e a segunda será a terceira vez que se leve a cabo.
As distancias van desde os 50 metros para os peques e ata os 6.100 metros para as categorías xuvenil e absoluta. Tamén haberá a posibilidade de realizar a proba en modo andaina, tanto para maiores coma para menores, cun percorrido de catro quilómetros.
Os menores non terán que pagar inscrición e para os adultos márcase un prezo de tres euros. No caso do III Corre por elas, os ingresos destinaranse de forma íntegra á entidade Ve-la luz en contra do maltrato. As inscricións pódense realizar ata o día 15 de marzo nesta web.
A recollida de dorsais realizarase o mesmo día da proba ata media hora antes do comezo de cada unhas das carreiras, así mesmo tamén se poderán recoller o sábado 17 de marzo nas oficinas do pavillón municipal de As Pontes, en horario de 16:00 a 20:00. A saída será ás 11:00 horas dende a Carballeira de Dona Rita, A Fraga.