Publicidad

O programa ‘100.000 Motivos de peso’ impulsará a dieta Ártabra buscando a colaboración da hostalería

FERROL360 | Venres 6 abril 2018 | 9:42

Xunta na tarde do xoves no Concello de Narón para presentar o Plan Estratéxico do programa «100.000 Motivos de peso» e plantexar a constitución da Plataforma Municipal de Nutrición, Actividade Física e Promoción da Saúde do Concello. Unha convocatoria á que asistieron a alcaldesa, Marián Ferreiro, os coordinadores do programa e edis da corporación local, entre outros.

O médico Carlos Piñeiro foi o encargado de presentar o Plan Estratéxico que incide, especialmente, no cambio de estilo de vida e na promoción da saúde cardiovascular. Piñeiro explicou que se está traballando nun estudo que analiza a situación da veciñanza neste materia e avanzou que se impulsará a dieta Ártabra buscando a colaboración da hostalería.

Para elo, o Concello de Narón ofreceu a súa colaboración tanto nas campañas de sensibilización como de alfabetización alimentaria. Así mesmo, apóstase pola elaboración dunha guía específica de Narón nos centros de saúde, contando co respaldo e implicación do persoal sanitario e a formación do profesorado no ámbito da promoción da saúde cardiovascular.

A elaboración dun mapa por parroquias para ver as liñas de traballo coas persoas maiores, o deseño de rutas cardiosaudables, impulsar un laboratorio da infancia do Concello no que os nenos adopten un papel colaborador e un plan alimentario nos colexios forman parte das propostas do citado Plan Estratéxico.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, comprometeu o apoio do goberno local en cantas iniciativas concretas se plantexen para continuar avanzando neste programa e plantexou a posibilidade de que formen parte da Plataforma Municipal de Nutrición, Actividade Física e Promoción da Saúde outros representantes da corporación local, a maiores dos do grupo de goberno.

Nas vindeiras xuntanzas da Plataforma determinaranse accións máis concretas a levar a cabo para acadar a través do Plan Estratéxico o obxectivo do programa ‘100.000 motivos de peso’, que conta tamén co respaldo -a maiores do Servizo Galego de Saúde e do Concello- da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade.

O obxectivo final é adelgazar, en conxunto entre a cidadanía que participe de Narón, 100.000 quilos en dous anos, doando ese exceso de peso de cada persoa en alimentos non perecedoiros ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.