FERROL360 | Martes 10 abril 2018 | 8:41
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o rexedor de Valdoviño, Alberto González, reuníronse este luns para estudar vías de colaboración en materia de servizos e infraestruturasa. En concreto, abordaron a viabilidade de asinar un convenio de colaboración para que algunhas vivendas de Valdoviño poidar utilizar colectores localizados en Narón.
Ferreiro valorou a boa disposición de González para tratar de chegar a un acordo «que sería vantaxoso tanto para ambos Concellos como para as nosas veciñas e veciños». Pola súa banda, González tamén valorou moi positivamente a xuntanza «que permitirá impulsar servizos en beneficio da veciñanza de ambos concellos».
A alcaldesa apuntou que o encontro abre a porta «a outras posibles colaboracións futuras entre os dous consistorios á hora de proxectar novas actuacións relativas aos servizos tanto de saneamento como de abastecemento e tamén na área de infraestruturas».
No caso de fructificar ese acordo, pendente de aprobar, «poderíamos optimizar as obras que se realicen no límite dos dous Concellos, tanto a nivel técnico como económico. Isto repercutiría nun aforro no momento da execución das obras e tamén na súa xestión, e facilitaría un acceso a estes servizos a un maior número de veciñas e veciños, ao aproveitar as infraestruturas existentes e proxectadas en ambos concellos».
No transcurso da xuntanza tamén se abordaron outros temas como a posible ampliación da estrada provincial que enlaza Meirás con Castro, donde hai previstas intervencións tanto do concello de Narón, en materia de saneamento e abastecemento, como da Deputación da Coruña, titular esta última do citado vial.
O terceiro asunto abordado hoxe foi o da superficie que ambos concellos comparten a súa titularidade na zona de As Boeiras, un área de preto de millón e medio de metros cadrados e con usos pendentes de definir.
Á reunión celebrada no despacho da alcaldesa de Narón asistiron tamén o concelleiro de Urbanismo de Narón, Manuel Ramos, os edís de Obras e Servizos e de Planificación Territorial de Valdoviño, Benito Manuel Vega e Sergio Saavedra, respectivamente, así como persoal técnico de Narón.