FERROL360 | Domingo 6 maio 2018 | 12:33
O Concello de Ortigueira abrirá novas canles de comunicación para favorecer o acceso da veciñanza á información do Concello mediante dúas novas iniciativas online. A primeira delas é esta páxina web á que se pode acceder desde calquera dispositivo móbil.
O obxectivo deste sistema é facilitar información aos cidadáns mentres se desenvolven os traballos de elaboración da nova páxina web do Concello. Deste xeito, a veciñanza poderá estar ao día de todas as novas municipais e dos eventos organizados no municipio.
Ademais, os veciños e veciñas teñen a posibilidade de realizar diferentes trámites de administración electrónica e avisar de incidencias mediante avisos ou fotografías para que a administración municipal poida resolvelos.
A segunda iniciativa chámase Participa Ortigueira e trátase dun servizo de WhatsApp mediante o cal calquer cidadán pode recibir información das novas do Concello e transmitir as súas propostas.
Para activar o servizo é necesario darse de alta e engadir o número de teléfono 653 47 50 70 aos contactos da apliación e enviar unha mensaxe co seguinte texto: «alta información Concello de Ortigueira». Deste xeito, as persoas interesaras recibirán no móbil todas as notificacións.
Estas dúas novas canles de comunicación son especialmente interesantes para os menores, xa que permiten achegar á administración as inquedanzas ou necesidades dos máis novos dun xeito anónimo.