FERROL360 | Xoves 5 xullo 2018 | 14:33
O Concello de Mugardos presentou a programación dos actos das Festas de Mugardos adicados para o público infantil e familiar que se levarán a cabo dende o día 13 ata o 22 de xullo. Os eventos están pensados especialmente para toda a familia e coincidirán coa Festa do Polbo e as tradicionais celebracións do Carme.
Durante os días que duren as festas o Concello centrarase en que os cativos e as familias teñan reservado un espazo especial en forma de música en vivo, eventos deportivos e espectáculos de todo tipo entre os que destacan os adicados aos máis pequenos da casa.
Estas serán unhas festas participativas e vivas que comezarán o día 14 co espectáculo «Animacreques» dende ás 12:00 ata ás 16:30 horas no peirao. A compañía Catropés será a encargada de levar adiante este evento no que as actrices Ánxela Blanco e Vanessa Rivas mesturarán a técnica circense dos zancos e o virtuosismo da danza na rúa.
O día 15 de xullo a partires das 19:30 horas na Praza do Concello será o turno do malabarista Javi Javichi que fará equilibrios con pratos, caixas de puros, sombreiros e todo o que poida nunha actuación cómica e moi divertida.
O Trío Refugallo tomará o relevo o luns 16 de xullo as 19:30 horas cunha actuación na Praza Vella chea de música e humor na que buscarán a interacción de público tocando con instrumentos caseiros feitos de residuos.
Cinco días máis tarde, o 21 de xullo no mesmo horario, pero esta vez na Praza do Concello será o turno do actor Dani García que fará o imposible por levar adiante o espectáculo «Don Gelati» e mostrar a súa habilidade a hora de servir xeados sen que cheguen a se derreter.
Finalmente, o día 22 de xullo ás 13:00 horas e na zona do Cotellón a compañía Culturactiva ofrecerá o espectáculo «Saaabor», no que mestura maxia, humor, música e contará coa participación do público.