MARTA CORRAL | Ferrol | Venres 4 agosto 2017 | 18:29
Moito temos para presumir en Ferrol. Ídevos facendo á idea canto antes. O que nos ocupa hoxe son dúas das cousas máis senlleiras que temos na cidade naval. As nosas paisaxes -talladas a forza de nordés e mareas, de mariñeiros e sereas-, e as nosas músicas, aquelas que saen das pedras coas que batemos unha e outra vez como bos fillos e boas fillas deste recuncho amado e odiado máis ca calquera outro.
Alá polo 2014 o realizador e fotógrafo Juanpa Ameneiros e un dos fundadores de Ferrol360, o xornalista e fotógrafo José Ramón Caamaño, comezaron unha fermosa aventura mesturando lugares belos da comarca e creacións de músicos locais. Nacía Pa[i]saxes Musicais. Con Caamaño emigrado, foi Xende Lopes quen se uniu para levar a cabo as tarefas de produción en 2016, ano no que rodaron uns sete vídeos por toda Ferrolterra.
Mais non foi ata este 2017 cando Juanpa e Xende presentan o proxecto ao edil de Turismo, Suso Basterrechea, como unha boa forma de promoción da cidade e da cultura. A Sociedade Mixta de Turismo apostou porque «merecía o respaldo», tal e como asegurou o concelleiro este venres na rolda de prensa de presentación dos seis vídeos que levan o selo do Concello xunto aos dous creadores.
Klüte no Prior, Sandford Music Factory en Santa Comba, Jamie Fifthring & The Coffee Breakers en Monteventoso, Bang74 en Canido, Pölisong no teatro Jofre e Oscar Quant no peirao de Curuxeiras, seis pezas sairán á luz pouco a pouco a través da páxina de Facebook do proxecto e as redes sociais do Concello. Comezan cunha descrición do lugar onde están gravadas para despois deixar paso á música.
![A banda Klüte no Prior durante a rodaxe dun dos vídeos de Pa[i]saxes Musicais (cedida)](https://ferrol360.es/wp-content/uploads/2017/08/KLUTE.jpg)