FERROL360 | Mércores 17 maio 2017 | 13:26
O Concello de Ares e a directiva da Asociación de Alfombras presentaron este martes un dos eventos máis esperados: as tradicionais Alfombras Florais que cada ano engalanan a vila con motivo da celebración da festividade do Corpus Christi. A celebración terá lugar o vindeiro 18 de xuño.
O alcalde de Ares, Julio Iglesias, a concelleira de Cultura, Alma Barrón, e as integrantes da renovada directiva da asociación coa súa presidenta, María Teresa Muíños ao fronte, presentaron o evento e informaron das novidades que teñen preparadas para este ano.
Así, co obxectivo de impulsar esta celebración e conseguir a máxima implicación dos veciños para colaborar nunha tradición tan arraigada, a entidade porá á venta rifas e chuvasqueiros cos que recadar fondos. As rifas servirán para participar no sorteo dunha cesta aportada polo Concello e os chuvasqueiros froito dunha iniciativa con Abanca e o Concello.
Ademais, a asociación busca darlle un toque solidario á cita e este ano todos os tramos terán unha mención especial para o pequeno Adri, o neno aresán que padece o síndrome de Hunter.
Traballos previos
A entidade explicou que o traballo para a confección das Alfombras comeza semanas antes coa recollida das follas e flores que decorarán o domingo de Corpus Christi as rúas e prazas de Ares. Miles de flores e outros elementos vexetais, cuidadosamente cortados e combinados, dan lugar a una auténtica obra de arte efímera.
Tradicionalmente, a asociación divídese en seis grupos que decoran seus respectivos tramos, cunha superficie total de máis dun quilómetro ao longo de rúas e plazoletas, que supón a utilización dunhas quince toneladas de material vexetal.
A noite previa ao 18 de xuño, persoas de todas as idades de Ares emplearanse a fondo para confecionar as alfombras antes de que se inicie a celebración. Unha cita que atrae a miles de visitantes á vila e foi declarada Festa de Interés Turístico Rexional pola Xunta de Galicia no ano 2011.