Ferrol360 | Martes 25 xullo 2017 | 11:04
O Concello de Neda mantén aberto o prazo para solicitar as axudas ao transporte universitario e Formación Profesional. A convocatoria diríxese a alumnos matriculados en centros universitarios ou equivalentes, en ciclos de FP, Bacharelato ou outros cursos de formación ocupacional ou profesional que habiliten para o desempeño dunha profesión ou oficio.
Poderán acceder a estas subvencións as familias con escasos recursos económicos empadroadas no Concello de Neda. como mínimo, desde hai seis meses. Os solicitantes deben tamén estar ao corrente no pago dos tributos municipais -salvo que se reúnan os requisitos para ser beneficiario de axudas de integración social.
Ademais, a familia debe ter unha renta per cápita mensual non superior a 400 euros e o alumno ou alumna debe estar matriculado para o vixente curso académico nun centro universitario ou equivalente, ou en ciclos formativos da Formación Profesional, Bacharelato ou en cursos de formación ocupacional o profesional dependendo da modalidade de axuda.
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello antes do día 31 de xullo acompañadas de fotocopias compulsadas do DNI do demandante e dos alumnos beneficiarios, do libro de familia, do resgardo da matrícula do vixente curso escolar, da declaración da renta do exercicio anterior e o certificado de empadronamento, entre outra documentación.
O Concello de Neda habilita unha partida de 18.000 euros para facer frente aos gastos desta acción. As axudas repartiranse entre os beneficiarios ata o límite do crédito previsto, reducindo proporcionalmente as subvencións concedidas no caso de que estas superen o importe do crédito orzamentario autorizado, e sen que en ningún caso o importe das axudas poida exceder da cantidade de 600 euros.
No caso de empate eliminaranse aqueles que teñan unha renda per cápita anual que sexa maior.
