FERROL360 | Xoves 7 xaneiro 2016 | 17:06
O Carné Xove ofrece descontos do 50 % nos servizos culturais e deportivos, a tramitación de expedientes urbanísticos ou os referidos a casamentos civís no Concello de San Sadurniño. Unhas bonificacións que só se aplican se o carné está en vigor e renovado.
Se o teu non está actualizao debes presentar no Concello esta folla debidamente cumprimentada. O Carné Xove é unha tarxeta persoal para a mocidade de entre 12 e 30 anos que serve principalmente para obter descontos tanto en servizos e actividades das administracións públicas como de empresas e comercios en practicamente toda Europa.
Ademais, a tarxeta leva aparellado un seguro que cobre a asistencia ante a maior parte das continxencias que se poden producir durante unha viaxe, como pode ser un accidente, o roubo da equipaxe, o retraso nos medios de transporte ou a responsabilidade civil por danos que se causen de forma involuntaria.
Como obter o carné?
Para obter a tarxeta abonda con pasar pola Oficina de Orientación Laboral, situada na planta baixa do Concello, onde lle axudarán ás persoas interesadas a cubrir toda a documentación. Son só dous papeis: un de solicitude e outro de autoliquidación da taxa de 6 euros que cobra a Xunta de Galicia por expedir o Carné Xove.
Ademais, todos aqueles establecementos comerciais de San Sadurniño que estean interesados en formar parte da rede para aplicarlles descontos aos mozos e mozas, tamén poden informarse na Oficina de Orientación Laboral.