FERROL360 | Sábado 9 xaneiro 2016 | 13:00
A cita máis importante para o Aldebarán na súa historia chega esta fin de semana coa celebración da IX Copa Príncipe de volei. O equipo de San Sadurniño vese con posibilidades reais de gañar o trofeo, tendo en conta os bos resultados obtidos na primeira volta da liga.
A Copa disputarase este sábado e domingo no pavillón municipal de San Sadurniño, e nela daranse cita tres equipos da cabeza da SM2: o Can Palma, o FC Barcelona e o Badajoz, ademais do conxunto anfitrión. As semifinais comezarán este sábado ás 17.30 horas e a final xogarase o domingo ás 12.00 horas.
O clube organizador encóntrase motivado e o seu presidente, Juan Manuel García ‘Cobelo’ di que o equipo ten «unha posibilidade real» de deixar na casa o trofeo. Esta disputa é «un fito histórico» para o clube, sinala o presidente, que adianta que o equipo sairá á pista co obxectivo de «xogar e disfrutar».
Horarios dos partidos
Estrearán a rolda de semifinais este sábado o Can Ventura Palma -líder da Superliga maculina 2- e o F.C. Barcelona, que marcha en terceira posición. Será ás 17:30 horas. O segundo encontro, previsto para as 19.00 horas, enfrontará ao Aldebarán contra o Hotel Río Carnaval de Badajoz.
Esta segunda semifinal promete ser intensa debido ao equilibrio de forzas amosado na liga por ambos equipos, que marchan na clasificación separados por tan só un punto de diferenza.
Como engadido, o Aldebarán tentará desquitarse da derrota sufrida en Estremadura na primeira volta da liga. Os vencedores do sábado disputarán a final o domingo a partir das 12.00 horas tamén no pavillón municipal.