Publicidad

Ferrol estrea para os pequenos os seus «Sábados Miúdos» en galego

O museo da SGHN acolleu o primeiro acto do novo ciclo (foto: Concello de Ferrol)
O museo da SGHN acolleu o primeiro acto do novo ciclo (foto: Concello de Ferrol)

FERROL360 | Sábado 5 marzo 2016 | 18:36

Primeiro sábado de marzo e xa comezaron os «Sábados Miúdos». A proposta das concellerías de Normalización Lingüística e Cultura do Concello de Ferrol estivo de estrea no museo da Sociedade Galega de Historia Natural, no barrio de Canido, onde público infantil gozou cunha sesión de contacontos que é a primeira das adicadas ás mulleres científicas galegas, dúas delas de Ferrol.

Trátase de Ángeles Alvariño e a veterinaria Rebeca Atencia, que protagonizan esta iniciativa xunto á astrónoma Antonia Ferrín. Os «Sábados Miúdos» diríxense a nenos de 3 a 12 anos de idade e aportan un tempo didáctico de acceso gratuíto e en galego, facilitando non só a aprendizaxe dos pequenos, senón tamén a conciliación da vida familiar e laboral aos seus pais.

Terán continuidade nos sábados deste mes, aínda que o Concello pretende garantilos tamén a medio e longo prazo. A cita inaugural supuxo a celebración dun contacontos ilustrado no que abordouse a historia de Ángeles Alvariño e debuxouse un mural relacionado, permitindo as preguntas dos nenos e abrindo logo un obradoiro de debuxo sobre a oceanógrafa protagonista do relato.