Publicidad

O PSdeG-PSOE pregunta á Xunta se vai iniciar a experiencia piloto proposta polo Foro Rural Galicián de Narón

FERROL360 | Mércores 20 abril 2016 | 18:37

O Grupo Parlamentario Socialista presentou varias preguntas na Comisión e Pleno do Parlamento Galego sobre a iniciativa do Foro Rural Galicián de Narón para a dinamización das escolas rurais. Unha iniciativa que os socialistas cualifican de «innovadora» e sinalan que coinciden co colectivo na idea de que un pulo a estas escolas podería exercer como dinamizador do rural.

Así, ás preguntas van encamiñadas a saber se a Xunta vai crear un programa experimental de educación infantil e conciliación laboral e familiar integrado para a etapa 0-6 anos nas escolas rurais e se contempla a posibilidade de levar a cabo unha experiencia piloto baseada nas achegas do Foro Rural Galicián de Narón.

Para os socialisas esta cuestión debería integrarse nun proxecto máis global de desenvolvemento do rural en todas as súas facetas, que implique a varias Consellerías. Así, indican que tería que basearse na ocupación racional do territorio para asentar poboación e co obxectivo de acadar un equilibrio social, territorial, educativo, cultural e económico.

Tamén propoñen eliminar a fenda dixital tamén debe ser unha prioridade, así como conquerir que os nenos e nenas das escolas rurais reciban as súas clases nos niveis que lles corresponden pola súa idade e garantir unha mesma calidade de ensino co persoal, equipamentos e servizos necesarios.

O deputado socialista Vicente Docasar visitará este venres aos veciños, e posiblemente a escola de Sedes, para coñecer polo miúdo as súas propostas co obxectivo de presentar tamén unha iniciativa parlamentaria.

A iniciativa do Foro Rural Galicián de Narón ten por obxecto darlle á escola rural, unitaria ou agrupada, un pulo cara a medrar na propia estrutura académica educativa. Así, propoñen crear programas experimentais nestes centros educativos con dispositivos de conciliación familiar e laboral incorporando o ciclo de 0 a 3 anos de educación infantil, servizo de comedor por catering y actividades extraescolares.

Nunha segunda fase, incorporaríanse programas de educación permanente de adultos regrados e non regrados. Este paso sería unha función e servizo público de proximidade para os habitantes do rural, facilitando así a igualdade de oportunidades para acceder aos servizos públicos, explican na proposta.