Publicidad

Intercambio musical entre as Escolas Municipais de Música Tradicional de Betanzos e Narón este sábado

FERROL360 | Venres 13 maio 2016 | 14:23

O auditorio municipal de Narón acollerá este sábado o Encontro da Escola Municipal de Folclore de Betanzos e a Escola de Gaita e Pandeireta do Padroado da Cultura de Narón. O acto enmárcase no intercambio musical realizado entre os dous colectivos e que levou o pasado 8 de abril á Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón a actuar coa EMUF no Edificio Liceo de Betanzos.

A vicepresidenta do Padroado e edil de Cultura, Marián Ferreiro, destacou a importancia deste tipo de intercambios musicais en canto que permiten, subliñou, «coñecer o traballo que se realiza no ámbito cultural noutros concellos de Galicia e impulsar a súa actividade por diferentes localidades».

O programa dará comezo ás 10:30 horas, coa chegada dos integrantes da Escola Municipal de Folclore de Betanzos á Casa da Cultura de Narón. Media hora máis tarde terá lugar a concentración das dúas agrupacións, a betanceira e a naronesa, e a afinación das respectivas bandas na Praza de Galicia para ás 12:00 comezar as actuacións no Auditorio municipal.

A Escola Municipal de Folclore de Betanzos e a Escola de Música Tradicional do Padroado da Cultura disporán de media hora para as súas actuacións. Finalmente, todos os participantes tocarán Arroz con chícharos. Finalizado o Encontro, sobre as 13:00 horas, serviranse uns petiscos de confraternización no Auditorio municipal.