Artábria xa ten aberta a inscrición para a súa nova oferta formativa e cultural para o curso 2026-2027, unha programación que volve apostar pola cultura galega, a aprendizaxe colectiva e a participación comunitaria como ferramentas para dinamizar a vida social e cultural de Ferrol e da comarca de Trasancos.
O prazo para reservar praza permanecerá aberto ata o 31 de outubro. As prazas son limitadas e a inscrición deberá formalizarse directamente a través dos teléfonos habilitados para cada unha das actividades.
Música, baile e teatro comunitario
A programación da entidade ferrolá inclúe propostas vinculadas á música tradicional, o baile, o teatro e a creación colectiva, con docentes cunha ampla traxectoria no ámbito cultural.
O Teatro Comunitario, baixo a dirección de Helga Méndez, comezará o 1 de outubro e desenvolverase os xoves, de 19:00 a 21:30 horas. A actividade ten un prezo de 30 euros ao mes, 25 euros no caso das persoas socias. A primeira sesión será gratuíta e aberta a todas aquelas persoas que queiran probar a actividade.
Os obradoiros de Canto e Pandeireta, impartidos por Xurxo Fernandes, comezarán o 5 de outubro e contarán con dous niveis: un grupo xeral, de 18:00 a 19:00 horas, e outro avanzado, de 19:00 a 20:00 horas. A mensualidade é de 34 euros, 29 euros para persoas socias.
Tamén a partir do 5 de outubro, Xurxo Fernandes impartirá o curso de Baile Tradicional de nivel avanzado, os luns de 20:00 a 21:00 horas, co mesmo prezo de 34 euros ao mes, 29 euros para socias.
Pola súa banda, o Coro do Beco, dirixido por Daniel Leiro, reunirase os martes de 19:00 a 21:00 horas a partir do 6 de outubro. A mensualidade será de 25 euros, 20 euros para persoas socias.
A oferta complétase co obradoiro de Canto e Pandeireta de iniciación, impartido por Uxía Muinho, que comezará o 7 de outubro e se desenvolverá os mércores de 19:30 a 21:00 horas. O prezo é de 30 euros ao mes, 25 euros para socias.
Propostas para crianzas e familias
A programación da Artábria tamén reserva un espazo para as crianzas e para aquelas familias que queiran achegarse á cultura a través de actividades compartidas.
As dúas propostas comezarán o 9 de outubro e estarán conducidas por Uxía Muinho os venres.
O Baile Tradicional en Familia desenvolverase de 17:30 a 18:30 horas, cunha mensualidade de 25 euros por familia, 20 euros para persoas socias.
A continuación, de 18:30 a 19:30 horas, terá lugar Artes Miúdas, un obradoiro creativo dirixido ás crianzas. O prezo será de 20 euros ao mes, 15 euros para socias.
Como reservar praza
As persoas interesadas en participar poden reservar a súa praza contactando directamente cos teléfonos correspondentes a cada actividade. Para os cursos de Xurxo Fernandes e Daniel Leiro, o número de contacto é o 614 205 672. No caso dos cursos impartidos por Xurxo Fernandes será necesario realizar unha fianza correspondente a dous meses no momento da inscrición.
Os cursos de Uxía Muinho poden reservarse no 664 328 341, mentres que para o Teatro Comunitario de Helga Méndez o teléfono de contacto é o 665 024 469.
Con esta nova programación, a A.C. Artábria anima a veciñanza de Ferrol e do conxunto da comarca a participar nunha proposta que combina formación, lecer, cultura galega e creación colectiva ao longo do novo curso.
