FERROL360 | Xoves 8 setembro 2016 | 10:54
Antonio Leira Día, O Patolo, terá un especial protagonismo na Festa das Peras de Pontedeume, que comezaron este mércores. A asociación cultural municipal Airiños do Eume homenaxeará ao seu fundador co gallo do 35 aniversario da entidade este venres, ás 20:30 horas, na praza de San Roque. As cantareiras de Airiños, o grupo de gaitas, guitarras e coro, a banda da escola de música Charamela, xunto coa Coral Polifónica Eumesa, tamén participarán neste acto.
O Patolo estivo tamén detrás destas dúas últimas agrupacións, a primeira na década dos 50 e a segunda en 1970. O repertorio incluirá dúas pezas compostas polo homenaxeado: A Muller eumesa-Agarimosiña e Son as campanas que tocan, con letra de Rosalía de Castro. Finalmente, Airiños do Eume e antigos compoñentes sumaranse á festa e tamén tocaran no concerto.
Vinculación coa música
Antonio Leira Díaz O Patolo tivo moita importancia na vida cultural e musical de Pontedeume, que o recoñeceu coma Fillo Predilecto da vila no ano 1985. A orixe da orquestra Os Patolos provén da agrupación Ritmos, que pasaría a chamarse Os Patolos, en homenaxe ao alcume da familia.
A afección do artista viña dende moi pequeno, o crego Antonio Sierto foi o seu primer mestre, e despois o profesor Eduardo Pita. Sendo adolescente continuou a súa formación en Ferrol da man de músicos de Infantería de Mariña. A súa formación musical era ampla, xa que foi músico, compositor e director de orquestras, coros e bandas.
A súa primeira actuación foi con 11 anos, tocando a requinta na Semana Santa de Pontedeume. A Banda dos Pitas, a dos Bellas, as orquestras Los Pachotes ou Os Mansos foron algúns dos seus destinos antes de gañar a praza de músico de 3ª, clarinete, en abril de 1932 na Banda de Música da Escuadra. Oito anos máis tarde denégaselle a súa continuidade na Armada por pertencer ao bando republicano.
De volta en Pontedeume, Antonio Leira comeza a súa labor altruísta, fundando e instruíndo diversas agrupacións musicais coma a Rondalla da Obra Sindical de Educación e Descanso -nada en 1946-, o coro da Sección Feminina, a Academia de Música Municipal -en 1952, que co tempo sería Charamela-, o cuarteto de gaitas e percusión Os Nenos do Eume -tamén na década dos 50-, a Banda Infantil da Fronte de Xuventudes ou a Banda de Cornetas e Tambores da OJE.
Finalmente, a Coral Polifónica Eumesa ou a banda de gaitas Airiños do Eume pasaron a formar parte da actividade creativa deste artista, que a pesares de xubilarse en 1984 seguíu tocando coa banda Unión das Rías Altas formada por compañeiros xubilados.