FERROL360 | Xoves 29 setembro 2016 | 9:10
A Concellería de Ensino de Narón mantén aberto o prazo de matrícula nas actividades enmarcadas no Programa Municipal de Educación Extraescolar 2016-2017 -Promedex-. Os obradoiros programados para educación Infantil e Primaria son de iniciación á lingua inglesa, reforzo educativo a través do emprego das novas tecnoloxías da comunicación,e de programación e robótica.
A edil responsable da área, Mercedes Taibo, explicou que se reserva aos escolares de ESO outro obradoiro de programación e robótica educativo e para adultos as Escolas de Familia, nas que os asistentes aboradarán temas como a disciplina positiva, a resolución de conflitos, o bulling e acoso escolar e o control do estrés, entre outros.
«A través deste tipo de programas tanto o alumnado dos centros educativos públicos de Narón como as súas familias poden participar, a prezos moi reducidos, dunha serie de actividades que se imparten en horario extraescolar e nas que abordarán a formación dun xeito máis lúdico, á vez que educativo», subliñou Taibo.
A matrícula destas actividades permanecerá aberta ata que se completen as prazas ofertadas en cada actividade, debendo formalizarse no Rexistro municipal. O prezo das actividades é de 8,15 euros ao mes por usuario, excepto nas modalidades de reforzo educativo, que é de balde, e nas Escolas de Familia, nas que só paga un integrante da mesma.
As sesións impártense nos propios centros educativos públicos da localidade.
