Publicidad

Xaime Quintanilla, irmán da fala

MARCOS ABALDE | ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ | Venres 30 setembro | 11:57

«Traballar, traballar, traballar». Ese era o lema de Xaime Quintanilla. El foi o principal dinamizador da Irmandade da Fala de Ferrol, vai dirixir o coro Toxos e froles, fundar a editora Céltiga, montar as súas propias obras de teatro e escribir ducias de artigos. Vivía e tiña a súa consulta na rúa Dolores 64, 1º. Nesta casa, a intelectualidade ferrolá mantiña un animado faladoiro, que o propio Carvalho Calero chegou a coñecer.

Como representante da Irmandade de Ferrol, Xaime Quintanilla asistiu en 1918 ao primeiro congreso de todas as Irmandades da Fala de Galiza. Alí aproban un programa de claro carácter progresista, o Manifesto Nacionalista de Lugo: «Tendo a Galiza todas as características esenciais de nacionalidade, nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos, xa que a verba ‘rexionalismo’ non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas».

Ramón Vilar Ponte chegou a Ferrol para dirixir El Correo Gallego e Quintanilla logo accedeu ao posto de redactor xefe. Porén, os irmáns Barcón, propietarios do xornal, non gostaban da nova orientación irmandiña e cesáronos en escasos seis meses.

«Un xornal que quere a escravitude da Terra», titula de maneira contundente A Nosa Terra do 15 de decembro de 1921: «Dende que saíron do Correo Gallego de Ferrol os nosos irmáns Ramón Vilar Ponte e Xaime Quintanilla por defenderen as cousas da Terra, censurar os pulos bélicos e pedir que se esixan responsabilidades no vergoñoso asunto de Marrocos, aquel xornal comezou a publicar durante varios días artigos da Correspondencia Militar de Madrid, órgano das Xuntas de Defensa. E nun dos derradeiros números, comentando o triunfo da irmá de raza Irlanda, inserta unha chea de parvadas baixo o título `No queremos tanta libertad´».

Este non vai ser o primeiro ataque contra os galeguistas. En 1917, por empregar o noso idioma, este xornal acusa a Irmandade da Fala de «sentar praza de imbécil e ignorante». En resumo, El Correo Gallego contra o galego e a favor da barbarie colonial española. Barcón Quevedo, dono da fábrica de tecidos de Xuvia, mercaralles este xornal aos seus fillos. A eles non lles interesaba a liberdade de deixar de ser escravos. O clan Barcón prefería a liberdade de continuar a ter escravos.

Quintanilla non ignoraba as durísimas condicións laborais que padecían as proletarias daqueles 140 teares mecánicos. En 1923 propuxo a creación dun sindicato nacionalista: a Confederación do Traballo Galego. Durante a Segunda República, converteuse no líder do socialismo ferrolán e nomeárono presidente da Asemblea de Concellos Pro-Estatuto. Por todo iso vai ser asasinado e enterrado nunha fosa común en agosto de 1936.

Ramón Vilar Ponte
Ramón Vilar Ponte

O 16 de xuño de 1951 Ramón Vilar Ponte entrou na Real Academia Galega cun discurso onde rescatou por primeira vez a memoria de Quintanilla. Na Xeración do 16 debulla o inmenso avance que significou o cultivo consciente e sistemático do galego por parte das Irmandades da Fala e cunha valentía excepcional reivindicou a súa actualidade. O franquismo considerou este discurso unha provocación. De feito, até vinte e seis anos despois a Academia non o publica, é dicir, até 1977 e grazas á iniciativa dos seus propios fillos, Teresa e Xaime Vilar Chao. En 1952 un grupo de falanxistas deulle unha malleira brutal na rúa Orzán da Coruña. Ao ano seguinte morreu dun derrame cerebral.

Con estas palabras, Ramón Vilar Ponte retrata o seu querido amigo: «Home de corazón e de sensibilidade exquisita, dunha sinceridade non habitual e inimigo por temperamento de todo o que recendera a inxustiza, Xaime Quintanilla non vacila en ningures en sumar o seu esforzo e a súa adhesión a toda causa xusta. E non, certamente, por puro platonismo, senón facéndoo decote con resolución e sen se preocupar das consecuencias, pondo na empresa a que el se sumaba o inesgotábel caudal da súa xenerosidade (…). Quintanilla foi, como era de lei, un dos primeiros irmandiños. Non o foi para ser un de tantos, senón para ser un verdadeiro guieiro, un mestre, un admirábel aleccionador (…). Quintanilla, con aquel súpeto decatarse das cousas que o caracterizaba, fita claro o camiño e enceta a marcha rotundo e decidido. A súa presenza entre os bos e xenerosos sinálase por un eficaz actuar acugulado de realizacións. A carón del non hai lecer para a sesta nin para o acougo. Onde el está a inacción foxe avergoñada (…)».

A admiración de Ramón Vilar Ponte chegaba á outra beira do Atlántico. Alá Castelao afirmaba no Sempre en Galiza que o irmán Quintanilla era «tan bo galego como bo marxista». Aprendamos dos mestres das Irmandades!

*Os roteiros ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ guiados por Marcos Abalde son os sábados de outubro (1, 8, 15, 22 y 29) ás 17:00 horas e coa entrada de balde. Inscrición previa no teléfono 640 65 13 14 ou no enderezo electrónico gnl@ferrol.es.