FERROL360 | Luns 3 outubro 2016 | 13:33
O teatro de marionetas da compañía Trompicallo chegará este venres ao local social de Piñeiros para divertir aos peques da casa. O espectáculo, que leva por título O día que chegou unha nube e choveu, está destinado a nenos de entre 1 e 5 anos de idade.
A cita, que é de balde, desenvolverase en dúas sesión, unha que dará comezo ás 18:30 e a outra a partir das 19:30 horas. En cada un dos pases non poderá haber máis de cincuenta persoas, para deste xeito garantir o correcto desenvolvemento da actividade.
O argumento da historia iniciase nun espazo cuberto de pedras e no que unha vez que comeza a chover aparecen herba, flores, peixes e ovellas, entre moitas outras especies. Os interesados en asistir deberán inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, a través do correo electrónico: a.pita@naron.es ou no teléfono 981 337 700 -ext.:1516-.
Terán prioridade as familias que forman parte do proxecto Apego. A actividade está organizada pola Concellería de Ensino e Bibliotecas –a través do Servizo de Normalización Lingüística-.