Publicidad

Veciños de Piñeiros denuncian o estado de abandono dun edificio da Estrada de Castela

FERROL360 | Martes 6 outubro 2015 | 18:11

Os veciños de Piñeiros denuncian os problemas de seguridade, sanitarios e estéticos do edificio Nº 615 da Estrada de Castela. Un inmoble formado por dúas plantas subterráneas, catro superiores e un ático que se atopa abandonado. Ante esta situación, os veciños piden ao Concello de Narón que intermedie ante os propietarios do edificio para buscar unha solución ao mesmo.

Nun comunicado de prensa, os veciños indican que se deben revisar as medidas de seguridade do edificio, comprobando a malla de peche perimetral, precintando as aberturas da planta cero e a subida ás plantas superiores. Tamén sinalan que é preciso cortar os arbustos que se atopa na fronte e «fixar de novo a liña eléctrica e telefónica que está suxeita a un farol público con arames e cordas».

Asimesmo, advirten que «o problema sanitario vaise agravando pola proliferación de grandes ratas que circulan polos baixos de vivendas próximas e locais de hostalería». Consideran que é urxente eliminar a maleza que hai en todo o perímetro.

Os veciños aseguran que os problemas veñen de lonxe xa que pouco tempo despois de finalizar a estrutura do inmoble «as bombas de achique da parte subterránea quedáronse sen enerxía eléctrica, inundándose as dúas plantas e quedándose sen ningún tipo de protección a planta cero».

Segundo manifestan no comunicado, os veciños presentaron escritos no Concello coas súas sinaturas para demandar a mellora do entorno do edificio.