Publicidad

A Xunta aposta pola innovación en fabricación avanzada para camiñar cara ao naval 4.0

FERROL360 | Martes 6 outubro 2015 | 18:32

Aportar pola innovación en fabricación avanzada é o camiño a seguir por parte dos estaleiros e da industria auxiliar galega para sumarse ao chamado Naval 4.0, segundo indicaron este martes os directores da Axencia Galega de Innovación-GAIN, Manuel Varela, e do Igape, Javier Aguilera.

Durante a xornada Shipbuilding 4.0: dinamización de la capacidad innovadora del sector naval gallego, celebrada no CIS Galicia, Aguilera afirmou que o naval está a rexurdir e que con 1.800 millóns de euros en contratos se ten situado na senda «para recuperar o liderado» do sector. Unha meta que só pode acadarse mediante unha decidida aposta polas novas tecnoloxías, asegurou.

Varela expresouse nesa mesa liña e dixo que o CIS Galicia pode xogar un papel importante como canalizador da innovación galega cara á aplicación dos estándares da Industria 4.0 ao naval, «a través dunha cultura de innovación aberta na que participen estaleiros, empresas auxiliares, centros tecnolóxicos, universidades e a propia administración».

Os directores destacaron o acordo de 2 millóns de euros posto en marcha entre a Xunta e a industria naval galega para dar os primeiros pasos na implantación do Naval 4.0. Un proxecto que une as capacidades do CIS Galicia con Aclunaga, e Navantia; cos centros tecnolóxicos e de coñecemento como Aimen, ITG e Soermar; e co Colegio de Ingenieros Navales.

O Goberno galego busca desenvolver proxectos demostradores que permitan acadar tecnoloxías de vangarda, de forma que as empresas poidan incorporalas ás súas ofertas internacionais sen necesidade de que asuman o risco de desenvolvelas e probalas.

O acordo, que pretende captar máis fondos de Europa para o sector naval, abre ademais a porta a mellorar a competitividade dos estaleiros a industria auxiliar a través da optimización das tecnoloxías existentes, e pon a vista en novos nichos de mercado, apostando pola diversificación do sector a través de sistemas de alto valor tecnolóxico.

Tres proxectos innovadores

Este martes presentáronse tres proxectos capaces de impulsar a competitividade do sector. O primeiro deles, Carlos, é un robot cooperativo froito dunha investigación liderada por Aimen. Destinado a grandes espazos de fabricación, esta máquina fará operacións de marcado e colocación de pernos autosoldables en bloques de superestrutura de buque.

O proxecto Conforship é froito do programa Innterconecta e busca superar a ineficiencia e impredictibilidad no conformado chapas para a fabricación do casco do buque. Mediante este proxecto, se reducirá nun 80 % o tempo de fabricación e nun 50 % os custos de consumibles.

Por último, as tres iniciativas de composites para o naval: Mosaic, Co-Patch e Parche, teñen acadado novos materiais para gañar lixeireza reducindo o consumo de combustible, así como para reparar de forma máis competitiva as estruturas de aceiro.