FERROL360 | Mércores 21 outubro 2015 | 18:16
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron este mércores a praza de abastos das Pontes. Una visita na que estiveron acompañadas polo alcalde da localidade, Valentín González Formoso, e que serviu para ver de primeira man as melloras que se están a realizar nestas instalacións grazas a unha axuda da Xunta.
As actuacións céntranse na cuberta e na remodelación do baixo cuberta, remodelándoa para dar acollida a unha planta con postos administrativos, oficinas e unha sala de reunións para os praceiros. A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste máis de 120.000 euros nestas obras.
A Xunta vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.
Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.
Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.