Publicidad

O Claustro de Profesores do CEIP Recimil apela á «innegable vontade» das familias para contar coa súa participación

FERROL360 | Domingo 8 novembro 2015 | 17:39

Despois das últimas dimisións na ANPA e no Consello Escolar do CEIP Recimil, o Claustro de Profesores quere manifestar a súa «preocupación» por estas decisións, que respetan, pero aseguran que «non podemos entender os motivos». Apelan así ao sentido común e «á innegable vontade das familias para que poidamos seguir contando coa súa participación».

O colectivo entende que o interese compartido por ofrecer as mellores condicións para o desempeño da tarefa educativa «debería estar por riba de calquera discrepancia» e advirte que o debate, que forma parte da toma de decisións en calquera organismo democrático, nunca debería ser motivo de enfrontamento.

O Claustro indica que a súa condición de funcionarios obrígalle a cumprir escrupulosamente a normativa, así como a acatar as ordes dos seus superiores, sempre que se exerza ao amparo da lei. Neste senso, engade que a política educativa non forma parte das súas competencias, pero si a organización e execución da actividade docente.

«Deixemos a primeira en mans das organizacións sociais e permítasenos a toma de decisión en canto ao aproveitamento eficiente dos sempre escasos recursos tanto humáns como materiais», reclama o colectivo.

Así, sinalan que o Claustro de profesores mantense unido «na defensa da xestión que o equipo directivo vén desenvolvendo na relación cos cambios na organización do centro e na demanda de máis profesorado». Conclúen que «para ben ou para mal, somos todos solidariamente responsables e diso estamos dispostos a dar conta».