Publicidad

Os maiores achéganse á tecnoloxía en Igrexafeita

FERROL360 | Luns 9 novembro 2015 | 19:48

A Aula da Rede CeMIT de San Sadurniño iniciou este luns en Igrexafeita unha nova rolda de cursos itinerantes polas parroquias co obxectivo de facilitarlle á xente, especialmente á de máis idade, o achegamento ás tecnoloxías da información e do coñecemento.

Neste curso introdutorio ás TIC participan 12 persoas en dous grupos, un que comeza e outro que xa ten coñecementos básicos adquiridos en anteriores accións formativas. En Igrexafeita abordaranse tres grandes bloques de contidos -unha introdución á informática e á Internet, achega á administración electrónica e ás redes sociais coa fotografía e imaxe dixital-.

Outro dos seus obxectivos é seguir atraendo persoas cara ao proxecto colaborativo falamedesansadurnino.org, que continúa medrando grazas ás contribucións veciñais en forma de faladas, fotografías e outras achegas. A iniciativa nacida no seo da aula alcanzou recentemente o recoñecemento europeo do programa ACTing e hai escasos días expuxo a súa experiencia no encontro Cultura local e construción de cidadanía organizado en Madrid polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.